Sobre min

A Coruña, 1976

Son unha persoa en movemento, en evolución, a pintura está presente desde pequena pero sempre buscando outras linguaxes, contidos e obxectivos para transformar o mundo que me rodea. A pintura como unha linguaxe máis serviume para contar historias, para buscarme nos autorretratos que cuestionaban o xénero feminino, para buscar mulleres heroínas contemporáneas, para retratar os conflitos actuais con estas mulleres protagonistas como se as grandes batallas renacentistas ou barrocas. A tecnoloxía e o activismo, concretamente o feminismo,  foron determinantes nesta procura. A arte e a cultura son espazos de construción social onde a liberdade e o (pro)común manteñen un pulso co ego artístico, no que xamais me sentín cómoda.

A miña primeira viaxe foi a que  me levou a Sevilla a estudar Belas Artes, onde aprendín a técnica máis tradicional e un xeito de vivir moi diferente. Alí rematei a carreira usando como material para a miña obra unicamente papel.

Ainda que o meu estilo evolucionou houbo materiales e técnicas constantes como as pinceladas impulsivas, os papeis, as texturas. Os estilos que máis me influiron foron o expresionismo, Kokoschka, Otto Dix,Max Beckman e Munch, da pintura contemporánea, Lucian Freud e curiosamente a máis recente é unha muller: Jenny Saville.

As últimas series xiraron entorno ás miradas feministas sobre a realidade contemporánea en “Bravas en Loita” – mulleres que saíron á praza de Tahir (Cairo) como una feito histórico a loitar polos dereitos como persoas e o seu lugar na revolución como mulleres. Tamén en Compostela e A Coruña, mulleres loitadoras que protagonizan as revolucións urbanas, que toman as rúas das cidades para defender os dereitos das mulleres fronte aos asasinatos machistas ou fronte á perda de dereitos laborais que aínda non se conseguiron.

Estas imaxes dixitais chegaron por diferentes medios. Os retratos de Tahir proveñen de fotografías compiladas a través das redes sociais e gracias a outras e outros activistas doutras partes do mundo.

As mulleres temos que escribir a nosa historia, temos o deber e a responsabilidade de construír a nosa propia versión dos feitos. Así construín outra mirada, máis perversa, da historia relixiosa contemporánea en “Santa Paganía”, unha volta sarcástica e unha interpretación moi persoal da espiritualidade da semana santa.

«Máisquepublicanas” é unha serie de retratos para inmortalizar grandes heroínas da república que fixeron políticas de rebeldía e loitaron polos dereitos das mulleres en campos moi dispares. Este proxecto está feito en colaboración co colectivo feminista Nomepisesofreghao e co asesoramento de Lola Ferreiro. Un proxecto de investigación con dous soportes, os cadros pintados e un blog coa documentación de cada una delas ao que se pode acceder por códigos Qr integrados nos propios cadros, asi a persoa que estea mirando un dos retratos poderá acceder á biografía da representada no mesmo sitio escaneando co seu móbil o código Qr.

 

2012 «Máis-que-publicanas». Exposición de pintura e charlas Libraría Lila. Compostela,
2012 «As históricas somos o máximo». Exposición de pintura, Arte Imaxe . A Coruña
2012 «Santa Paganía» Exposición de Pintura (Semana Santa). Bomoble. A Coruña
2011 «Ser muller: Bravas» Exposición de Pintura. Galería Monty4rte. A Coruña

Marta Paz
Artista, activista feminista do colectivo nomepisesofreghao, hacktivista, linuxeira e emprendedora.

Share Button