A pintura é un arma cargada de futuro

No momento actual, cando case ninguén pinta, cando coller os pinceis é un acto de insubordinación e dotar unha tea de vida sen acudir aos medios dixitais constitúe unha proposta revolucionaria, resulta moi interesante poñer o foco sobre esas barricadas de resistencia que nos chaman a seguir soñando coa arte que se pare, que sae das tripas, que se confunde cos fluídos corporais e que estoupa nos limiares dos sentidos.

Marta Paz (A Coruña 1976), é unha destas resistentes, unha activista da cor e da expresividade que recolle historias de vida e as desenvolve nos seus cadros cun sentido de contemporaneidade que non renuncia ás mellores tradicións pictóricas. Malia a súa xuventude, consegue devolver ás e aos espectadores os trazos asertivos de quen sabe de onde vén e ten claro a onde quere ir. Marta decántase por poñer en valor o soterrado (aínda hoxe) mundo das mulleres. Daquelas que marcaron unha época para logo seren agochadas polo discurso patriarcal e das que hoxe buscan o xeito de ser visibilizadas coma individuas presentes e activas, nun mundo que, a pesar das promesas, aínda ten débedas impagábeis coa metade e máis da humanidade.

Marta conta historias que teñen a orixe na cotidianeidade, no eido da fotografía no que se apoia para arrancar anacos de vida a uns fondos empapelados, na busca de conxugar mundos subterráneos que subsisten neste, no que hai tanto que cambiar. E é por iso que ela emprende a tarefa teimudamente solitaria de sachar a golpe de pinceladas os berros, os sorrisos, as expresión que delatan a vida dos seus personaxes, sempre ao bordo de deixar o lenzo para mudarse ao planeta das esperanzas.

Nótase nas súa pegada persoal a admiración polo traballo de Lucian Freud, sobre todo no tratamento dos retratos, pero eu diría que ese aceno distintivo que posúe e que vai deixando paso ás persoas retratadas para que falen por ela, semella herdar a expresividade dunha grande feiticeira da arte: a portuguesa universal Paula Rego. Pese á diferenza de tratamento das formas, aflora unha intención estilete que recorta os volumes corporais e que, no caso da nosa artista, consegue rescatar eses corpos ou eses rostros, alén do feito pictórico, para mediar entre nós e esa realidade que desborda nos xestos cos que Marta arranca a alma dos seus personaxes en tránsito. En tránsito para narrar sutilmente unha pequenísima historia, en tránsito para pasar a outro estado anímico, en tránsito para aprisionar un instante de latidos no tempo sen tempo da pintura.

Marta Paz ordena o seu traballo en series, onde a quenda para dotar de voz ás esquecidas vai collendo o seu lugar entre os encarnados e os azuis, que berran co latexar das bravas, das “máisquepublicanas”, das femias rebeldes nas que a artista acredita, tanto coma nós cando ela é capaz de presentalas dispostas á batalla.

Pensamento e técnica ao servizo de devolvermos a fe nas cousas importantes da vida. Aquelas que logran, a forza de materia e pincelada, salvarnos das miserias e dos miserábeis do mundo.

Luz Darriba
Artista multidisciplinar
luzdarriba.es

Share Button